Estudo propio · Comercio polo miúdo de Galicia · novembro de 2026
Case a metade dos comercios galegos non teñen web propia
A poucas semanas do Black Friday e da campaña de Nadal, un 41 % dos comercios galegos non ten presenza propia en internet.
Dunha mostra de máis de 5.100 comercios locais nas catro provincias galegas.
- Web propia · 3.037 · 59,1 %
- Só redes sociais · 374 · 7,3 %
- Sen presenza web · 1.726 · 33,6 %
Como ler este estudo
Non fai falta saber de informática. Cada problema que atopamos está explicado en galego sinxelo: que é, por que lle importa a unha tenda e que pasa cando falta. Os bloques co signo + despréganse ao premelos.
O funil
Ter web non é ter tenda
Hai catro graos de presenza en internet, e entre o primeiro e o último hai unha diferenza determinante para o cliente. Isto é o que pode facer quen busca un comercio fóra do horario de apertura, segundo o grao no que se atope.
| Grao de presenza | Ver que vende | Catálogo | Prezo | Mercar |
|---|---|---|---|---|
| Sen web548 de 1.500 | ||||
| Só redes sociais99 de 1.500 | ||||
| Web e escaparate de produtos294 de 1.500 · non venden actualmente | ||||
| Tenda en liña486 de 1.500 · venden por internet |
Todos os comercios deste estudo están en Google. Os 1.500 teñen ficha de Google Business Profile, e os 1.500 teñen nela o seu teléfono e o seu enderezo. Teñen entre 15 e 600 opinións —a metade rolda as 50— e ningún baixa de 4,0 estrelas: a nota media é 4,6 e tres de cada catro están en 4,5 ou máis. A mostra tomouse de negocios ben establecidos e con ampla experiencia local: comercios que xa venden no seu barrio ou na súa cidade, pero que aínda non aproveitan por completo as opcións de visibilidade que ofrece unha presenza en liña ben formulada.
Dos 1.500 comercios que rastrexamos un a un, esta é a repartición. Preme cada chanzo para ver que significa exactamente.
Base: 1.500 comercios independentes rastrexados un a un en novembro de 2026. As barras son o reconto da mostra. Trasladado a Galicia, a porcentaxe que vende en liña é o 30,1 %, cun intervalo de confianza do 95 % entre o 27,5 % e o 32,8 %: a cifra vai ponderada porque a mostra iguala o tamaño dos sectores. Os dous chanzos de abaixo non hai que estimalos. O campo do enderezo web vén na ficha de Google dos 3.829 comercios do pozo, así que se contan no canto de estimarse: 35,6 % sen web e 7,8 % só en redes.
Unha precisión sobre ese «sen web»: o que medimos é que a súa ficha de Google non leva ningún enderezo web, ou leva un que xa non existe. Se algún deles tivese unha web e non a tivese ligada na súa ficha, aquí conta igual como sen web, porque para o cliente que o busca en Google o resultado é o mesmo: non hai forma de chegar a ela. Unha web que non está ligada onde o cliente busca é unha web á que non chega ninguén.
O punto de partida deste estudo
Que é a ficha de Google dun comercio
É a tarxeta que aparece ao buscar un negocio polo seu nome, e a que sae ao premer un punto en Google Maps. Créaa e manténa o propio negocio, é gratuíta e non fai falta ter web para tela. Hoxe é a porta pola que chega case todo o mundo, así que convén saber que leva dentro: os 1.500 comercios deste estudo teñen unha, e dela sae todo o que vén despois.
- Nome e categoríaPonno o comercio. A categoría decide en que buscas aparece.
- Estrelas e opiniónsEscríbenas os clientes e non se poden borrar.
- Botón «Sitio web»O único que leva fóra de Google. Se está baleiro, o cliente queda dentro.
- Enderezo, horario e teléfonoPonos o comercio.
- E ese campo decide todo o demaisCon dominio propio, web propia: 56,6 %. Cun perfil de Instagram ou Facebook, só redes: 7,8 %. Baleiro ou co dominio caído, sen web: 35,6 %.
Non todo o que sae na ficha o pon o comercio. O negocio cobre o nome, a categoría, o enderezo, o horario, o teléfono, as fotos e a ligazón á súa web. As estrelas e as opinións escríbenas os clientes, e non se poden borrar. E hai unha capa que engade Google pola súa conta: o mapa, os avisos de afluencia habitual por franxas horarias e, desde hai pouco, un resumo escrito pola súa intelixencia artificial. Desas tres capas, o comercio só manda na primeira.
A categoría merece unha frase á parte, porque é a peza que máis se descoida. Non é unha etiqueta decorativa: é o que decide en que buscas aparece o comercio cando alguén busca «zapataría» ou «botas de auga» sen nomear a ninguén. Unha ficha coa categoría mal escollida pode estar impecable e non saír nunca.
E unha ficha non é unha web. Amosa o negocio, pero non ten catálogo con prezos, non cobra, non manda nada á casa e non compite polas buscas dos produtos que vendes: compite polo teu nome e polo teu barrio. Ten unha soa ligazón de saída, ese botón azul, e é o único camiño que leva de Google a algo que sexa teu. Cando ese campo está baleiro, o cliente queda dentro de Google, mirando unha tarxeta que non vende.
Destas fichas sae tamén o censo do estudo. Recollemos 8.988 fichas de comercio galego en Google Maps; 5.137 son comercio polo miúdo independente, sen cadeas, e o pozo do que se sortea a mostra son os 3.829 que ademais teñen sector asignado, entre 15 e 600 opinións e 4,0 estrelas ou máis. Nunca se publica o nome de ningún.
Antes das cifras
De que está feita unha páxina web
Case todo o que medimos son pezas que o visitante non ve, pero que deciden como te amosa Google. Este debuxo sitúa cada unha. Son os nomes que van aparecer no resto do estudo.
- breadcrumbA ruta que Google amosa no canto do enderezo longo.
- <title>A ligazón azul do resultado.
- meta descriptionO texto que vai debaixo da ligazón.
- schema ProductAs estrelas, o prezo e a dispoñibilidade.
- <h1>O rótulo da páxina: un só, e di que é o negocio.
- <h2>Os subtítulos que ordenan o contido.
- altDescribe cada imaxe para quen non a pode ver, e para o buscador.
As fichas de produto
Datos de produto ben declarados, valoracións ausentes
Cando unha tenda declara correctamente os datos dun produto, Google substitúe a ligazón simple por un resultado enriquecido, con valoración, prezo e dispoñibilidade. Esta é a diferenza, co mesmo produto e a mesma tenda.
Sen os datos declarados
https://tutienda.gal/producto?id=4471
Inicio | Calzados Noia
Calzados Noia. Benvidos á nosa tenda en liña. Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia…
Falta o título propio, falta a descrición e falta o schema: Google enche o oco co primeiro que atopa.
Cos datos declarados
tutienda.gal › zapatos › botas de auga
Botas de auga Dunlop · Calzados Noia
Botas de auga para marisqueo, tallas 36 a 47. Envío a toda Galicia en 24 horas.
Das 486 tendas, en 360 puidose acadar e medir unha ficha de produto real. O apartado técnico está ben resolto: máis de oito de cada dez declaran o produto. O que convence a un comprador, non.
Declara schema Product
296 de 360 fichas. Google sabe que iso é un produto e non un artigo do blog.
Prezo, dispoñibilidade e moeda completos
224 de 360. Se falta un dos tres, Google non amosa o prezo no resultado.
Publica valoracións con schema
As estrelas son o primeiro que mira un comprador antes de entrar. Once tendas galegas de trescentas sesenta téñenas.
Buscarse polo seu propio nome
Case a metade non se atopa nin buscándoo polo seu nome
Buscamos cada comercio polo seu nome e o seu concello, como o faría un veciño que sabe como se chama a tenda pero non o seu enderezo web. É a busca máis doada que existe: ninguén compite polo teu nome agás ti.
Cando un comercio non aparece aí, o oco non queda baleiro. Ocúpano os directorios de empresas, que copian os datos do rexistro mercantil e publícanos con publicidade arredor.
- tutienda.gal non está na primeira páxinaOs tres primeiros resultados son directorios que non venden nada.
Medimos tres veces, en roldas separadas, e quedamos co que din dúas das tres. A cifra sae dos 780 comercios con web propia funcionando, sen descartar ningún. En 213 deles as tres roldas non se puxeron de acordo, e eses casos repártense case á par entre os que aparecían dúas veces e os que só unha: esixir unanimidade daría 47,3 % no canto de 49,3 %, así que a inestabilidade de Google non decide o resultado.
49,3 % — 391 de 780 comercios con web propia funcionando — non aparece nos dez primeiros resultados ao buscar o seu propio nome. A banda azul é o intervalo de confianza do 95 %: o valor real está entre o 45,3 % e o 53,3 %.
Hai un dato máis desas mesmas buscas que convén anotar: no 90 % delas Google puxo arriba un resumo escrito pola súa intelixencia artificial, por diante de todos os resultados. Buscar o nome dun comercio local xa non devolve unha lista de ligazóns: devolve un parágrafo redactado a partir do que se publicase por aí sobre ela.
A notoriedade local pesa. Entre os comercios con 64 opinións ou máis en Google, o 43,8 % non aparece polo seu nome; entre os que teñen menos, o 54,0 %. As marxes tócanse por pouco, así que a diferenza non está pechada, pero apunta ao esperable: dun comercio con maior notoriedade escríbese en máis sitios, e iso é o que sostén a busca polo nome propio. Mirar só aos máis coñecidos da súa vila deixa a cifra dez puntos por debaixo.
Por sectores
Do 49 % ao 14 %, segundo o sector
Con 1.500 comercios e as celas de sector igualadas a un centenar cada unha, pódese comparar sector con sector. A barra é a porcentaxe que vende en liña e a liña fina é a marxe de erro: onde dúas liñas non se solapan, a diferenza é real e non ruído.
Por que estas porcentaxes van ponderadas
A mostra reúne un número parecido de comercios en cada sector, arredor do centenar. É a única forma de comparar un sector con outro: co peso real de cada un, os máis pequenos terían tan poucos casos que non se podería afirmar nada sobre eles.
A cambio, a mostra deixa de reproducir a composición de Galicia, e por iso toda cifra global vai ponderada: cada comercio conta segundo o que o seu sector, o seu volume de opinións e o seu tipo de web representan no censo. Así as porcentaxes lense como cifras de Galicia e non só da mostra. Sen ponderar sairía un 32,4 % de tendas; ponderado, un 30,1 %.
As catro provincias aguantan xa unha porcentaxe coa súa marxe — Ourense 35,3 %, Pontevedra 31,4 %, A Coruña 28,1 %, Lugo 27,9 % — pero aí as marxes solápanse todas, e con 1.500 comercios xa non é cuestión de mostra: a diferenza entre provincias non é publicable.
Comparado con España
O comercio galego está por debaixo da media española
A única fonte oficial que mide isto é o INE, coa súa enquisa anual de uso das TIC e comercio electrónico nas empresas. Mide dúas poboacións: as empresas de dez ou máis empregados, con detalle por sector, e as de menos de dez, sen detalle por sector. O comercio independente galego cae entre as dúas, así que as comparamos coas dúas.
Ten páxina web propia
Vende, ou pode vender, por internet
O comercio galego cae onde cabía esperar: por riba da microempresa española —que inclúe fontanaría, xestorías e hostalaría, actividades sen produto que vender por internet— e por debaixo do comercio polo miúdo con empregados. Que a cifra caia no medio e non fóra é o primeiro sinal de que a mostra se comporta.
O interesante aparece ao dividir unha barra pola outra. Dos comercios españois con empregados que teñen web, algo máis da metade vende por ela (44,3 de 75,7, un 59 %). No comercio independente galego a proporción é case a mesma: 53 % —30,1 de 56,6—. Unha vez que un comercio local ten web, aprovéitaa tanto como unha cadea pequena. O que o separa non é o que fai coa web: é tela.
Por que estas cifras non son de todo a mesma cousa
A pregunta non é a mesma. O INE pregúntalle á empresa se vendeu por comercio electrónico «mediante páxinas web, apps, plataformas dixitais ou mensaxes tipo EDI». Vender en Amazon conta, e mandar pedidos por EDI entre empresas tamén. Nós non preguntamos: entramos na web e comprobamos se un cliente pode mercar aí. Son dúas cousas distintas, e a do INE é máis ancha. Para achegalas, o INE publica ademais cantos venden pola súa propia páxina web ou app: no comercio polo miúdo con empregados, o 44,3 %.
A poboación non é a mesma. O INE empeza a contar nos dez empregados, un tamaño que case ningún comercio local acada. E para as de menos de dez non publica desagregación por sector: a microempresa comercial vai mesturada con todas as demais. Ese oco —o comercio polo miúdo independente, por debaixo de dez empregados, medido dun en un— é exactamente o que vén encher este estudo.
E hai dúas cousas que non mide ninguén. Se a web funciona como tenda de verdade, e se ao comercio se lle atopa en Google buscando o seu propio nome. Non hai cifra oficial do 49,3 % que non aparece, nin das 30 webs rotas, porque ningunha enquisa pode preguntar iso: hai que ir mirar.
O único dato oficial específico de Galicia que existe aquí vai na mesma dirección: entre as empresas galegas de dez ou máis empregados, o 79,8 % ten páxina web, por debaixo do 82,9 % do conxunto de España, e en servizos a distancia é maior (78,8 % fronte a 83,7 %). O INE non publica desagregación por comunidade autónoma do comercio electrónico.
As cifras do INE son da Enquisa sobre o uso de TIC e do comercio electrónico nas empresas, datos definitivos do ano 2025 e do primeiro trimestre de 2026, publicados en outubro de 2026. O propio INE advirte de que esta edición non é estritamente comparable coas anteriores, porque cambia a clasificación de actividades á CNAE-2025. As cifras publicadas van sobre o total de empresas con conexión a Internet; aquí pasáronse ao total de empresas multiplicando pola proporción que ten conexión (81,2 % nas de menos de dez empregados, 98,8 % no comercio polo miúdo), para que se poidan comparar coas nosas.
O técnico, peza a peza
Aspectos técnicos das webs de comercio galego
A partir de aquí o estudo baixa ao detalle técnico. Son as pezas que sosteñen unha boa presenza en liña: as que fan que Google entenda de que vai a web, que a amose ben nos resultados, que cargue rápido e que un asistente de intelixencia artificial poida citala. Case ningunha se ve ao visitar a páxina, e case todas se arranxan unha soa vez.
Son vinte e sete comprobacións sobre as 776 portadas que se puideron medir, ordenadas por porcentaxe de fallo: as primeiras son as que máis comercio galego ten pendente. Non fai falta lelas todas. Preme calquera fila para saber que é esa peza e por que importa.
- Correcto
- Mellorable
- Fallo
Tecnoloxía detrás das tendas
WooCommerce e PrestaShop repártense o comercio galego
Unha plataforma de comercio electrónico é o programa que sostén a tenda: o catálogo, o carro e o cobro. Case ningunha tenda se programa desde cero. Identificamos cal usa cada unha polas pegadas que deixa no seu propio código.
As 98 sen identificar non son necesariamente desenvolvementos a medida: tamén pode ser unha plataforma que non deixa pegadas recoñecibles no HTML.
Como está feito este estudo
Metodoloxía
A mostra
- 8.988 fichas únicas de comercio galego recollidas de Google Maps; 5.137 son comercio polo miúdo independente, sen cadeas.
- O pozo de mostraxe son 3.829 comercios independentes con sector asignado, entre 15 e 600 opinións e 4,0 estrelas ou máis. O tope de opinións evita quedarse só cos máis visibles; o chan de opinións e de nota deixa fóra as fichas sen actividade e os negocios con mala reputación, que son outro problema distinto do que mide este estudo.
- De aí rastrexáronse a fondo 1.500 comercios, escollidos ao chou con semente fixa e reproducible.
- As cifras globais van post-estratificadas por sector, tramo de opinións e tipo de web: cada ficha pesa o que a súa cela representa no pozo de mostraxe.
- Dous chanzos do funil non se estiman, cóntanse: o enderezo web vén na ficha de Google dos 3.829 comercios do pozo, así que «sen web» e «só redes» son censo e non levan intervalo.
- O titular de «ten web ou non» calcúlase sobre as 5.137 fichas. Todo o que esixe entrar na web calcúlase sobre os 1.500, e cada cifra leva o seu denominador.
O rastrexo
- Rastrexador identificado, unha petición por segundo e servidor, máximo dez páxinas por comercio e só datos públicos: nin carro, nin formularios, nin datos persoais.
- Respéctase o
robots.txtsempre. Dezaseis comercios prohibíronnos o paso e quedaron sen medir. - Cincuenta e catro servidores rexeitaron o rastrexador identificado; neses casos repetiuse a petición cun user-agent de navegador. Vinte e sete seguiron rexeitándonos e contan como non resposta, sen saír do denominador.
Os límites
- A posición exacta en Google non é reproducible: o 45 % das medidas cambia de posto entre chamadas. Por iso só publicamos o binario «aparece ou non aparece», medido tres veces, que é moito máis estable: aí só baila o 27 %.
- «Non aparece» significa en rigor que non o atopamos entre os resultados que puidemos atribuír a un dominio: dous de cada dez resultados orgánicos non se poden atribuír a ningún.
- Os denominadores móvense nunha ou dúas unidades entre tiradas, porque hai aloxamentos que responden de forma intermitente.
- Ao igualar as celas de sector, a mostra non é proporcional ao censo: ningunha cifra global súa é válida sen ponderar, e todas as de aquí estano.
Que non publicamos
- Ningún nome de comercio. Son negocios reais; o estudo só dá agregados.
- Ningunha orde fina entre sectores do pelotón medio, onde os intervalos se solapan. Só as diferenzas que aguantan a marxe de erro.
- Ningunha posición media no buscador, porque non é reproducible.
